Friday 17 de May de 2024

A Banda Municipal de Música da Coruña pecha o ano cun concerto de Nadal xunto ao Coro Cantabile


O recital terá lugar este domingo, ás 12.30 horas, no Teatro Colón. A entrada será libre ata completar a capacidade e será retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube da banda

O Teatro Colón acollerá o concerto de Nadal da Banda Municipal de Música da Coruña xunto ao Coro Cantabile. A cita musical terá lugar este domingo, 18 de decembro, ás 12.30 horas, baixo a dirección de Juan Miguel Romero Llopis. A entrada será libre ata completar a capacidade e ademais será retransmitida en directo a través da canle oficial de YouTube da banda.

O programa do recital incluirá pezas musicais tanto instrumentais como en conxunto co Coro Cantabile, divididas en dous actos. Compoñen o repertorio os temas ‘A Christmas Festival’, de L. Anderson e R.W. Smith; ‘Wizard of Oz’, de J. Barnes; ‘Ukranian Bell Carol’, de M.D. Leontovych e P. Sparke; ‘Celtic Child’, de B. Appermont,; ‘A Christmas Overture’, de N. Hess, e Destellos del alba’, de F. Ferran. Ademais, interpretarán outros clásicos populares do Nadal como ‘Paxariños que voades’, ‘Fum, Fum, Fum’, ‘Pastores Venid’, ‘Vinde, vinde’ ou ‘Noite de Paz’.

A Banda Municipal de Música da Coruña ofreceu o pasado 26 de novembro o seu primeiro concerto co seu novo director, Juan Miguel Romero Llopis. Titulado en Clarinete e Dirección de Orquestra e diplomado en Educación Musical pola Universidade de Alacante, Romero Llopis foi director asistente da Nueva Orquesta de la Región de Murcia, director titular da Orquesta Sinfónica Académica de Sant Vicent del Raspeig e subdirector da Banda Municipal de Barcelona, ao cargo da preparación técnica da programación e a dirección dos concertos didácticos, cunha actividade de máis de 40 recitais ao ano.

O Coro Infantil e Xuvenil Cantabile, que no recital do domingo estará dirixido por María Keilin, nace da asociación que leva o seu mesmo nome, como un gran proxecto musical e social que integra a nenos e nenas, coa música clásica como fío condutor. Desde o seu nacemento en 2002, convertéronse nun referente musical en toda Galicia, grazas ao gran número de concertos e xiras que realizan tanto a nivel nacional como internacional: Viena, Salzburgo, Lisboa, Bolonia, Madrid ou Roma. Ademais, os numerosos premios recibidos e a crítica avalan a súa traxectoria interpretativa e a súa técnica sonora e vocal.

Carlos Núñez, en concerto este venres 16 no Teatro Colón

Por outra banda, e dando continuidade á programación de Nadal na cidade, o Teatro Colónacolle este venres 16 (20.30 horas) o concerto do artista galego Carlos Núñez.
Como xa é tradición, o gaiteiro galego máis internacional volve a casa polo Nadal, e faino protagonizando unha actuación moi emotiva, cumpríndose 25 anos do seu primeiro disco, o xa clásico ‘Irmandade das estrelas’. Núñez celebrou esta efemérede coa publicación dun novo disco, no que conta coa colaboración de Rozalén, Andrés Suárez, Glen Hansard, Iván Ferreiro e Tanxugueiras.

Con máis dun millón de discos vendidos, son moitos os premios e nominacións que avalan a traxectoria de Carlos Núñez: un Grammy polo disco protagonizado en colaboración cos seus mestres artísticos, os irlandeses The Chieftains; dúas nominacións aos Grammy latinos; e tamén un Premio Ondas, ao mellor directo.